Tuesday 14 de May de 2024

Russian Red actuará no Teatro Colón na súa xira de regreso aos escenarios


O seu concerto será o 13 de abril de 2024 e as entradas estarán á venda o luns 4 de decembro

A cantautora Lourdes Hernández, máis coñecida como Russian Red, ofrecerá un concerto no Teatro Colón o 13 de abril de 2024 ás 21.00 horas, no que repasará os seus grandes éxitos e amosará por primeira vez as súas novas cancións, que sairán proximamente publicadas nun disco.

O Goberno de Inés Rey continúa avanzando na programación musical da cidade para o vindeiro 2024, apostando por actuacións de distintos formatos e para diferente tipo de público.
As entradas para o concerto sairán á venda o luns 4 de decembro ás 12.00 horas a través de Ataquilla e das billeteiras do Teatro Colón e da praza de Ourense.

A aparición de Russian Red na escena musical española situouna como unha das grandes cantautoras da primeira década do século XXI. Lourdes Hernández debutou cun disco titulado ‘I Love Your Glasses’ (Eureka, 2008), que acadou o apoio unánime da crítica especializada.
Aquel disco inclúe cancións destacadas como ‘Cigarettes’, ‘No Past Land’, ‘Walls Are Tired’ ou ‘They Don’t Believe’, e levouna a unha longa xira, incontables artigos en prensa e conexión total co público.

En 2017, viu a luz o que é o seu último disco ata a data: ‘Karaoke’, mini álbum autoeditado no que reinventaba algunha das cancións que máis lle gustaba cantar nos karaokes dos Estados Unidos. Este mesmo ano, tras un período sen música nova, Lourdes comezou a compartir cancións que serán recompiladas proximamente nun disco de oito cortes, empregando o castelán por primeira vez na súa carreira.